
Redes é unha pequena vila mariñeira situada na beira norte da ría de Ares, unha das rías altas galegas. En recoñecemento aos seus valores ambientais e urbanísticos e ao bo estado de conservación da súa arquitectura, o Colexio de Arquitectos de Galicia dedicoulle a Redes o Día Mundial da Arquitectura no ano 2007.
O núcleo de Redes caracterízase pola súa posición resgardada á beira do mar e polo seu trazado urbano, que remite a unha posible orixe castrexa ou medieval. As extensións lineais ao longo da vía de acceso e da Rúa Nova marcan o crecemento da vila desde finais do século XIX. A súa arquitectura tradicional, formada por casas mariñeiras con corredor aberto na planta superior, posteriormente evolucionado cara á galería, viuse enriquecida a comezos do século XX por unha notable presenza de edificios modernistas, froito da chegada de capital procedente da emigración cubana. Probablemente a esta influencia se deba tamén o singular emprego da cor nas fachadas, convertido hoxe nun dos sinais de identidade da zona. Pero a súa principal calidade reside, sen dúbida, na relación harmónica da vila co mar e na extraordinaria beleza da súa fachada marítima.
A intervención consistiu na rehabilitación de dúas antigas vivendas que presentaban un estado de deterioración que as facía inhabitables e que, como consecuencia de actuacións anteriores, sufriran unha importante desconfiguración. A recuperación tipolóxica, necesaria para conseguir unha adecuada integración no tecido urbano e na fachada marítima e cumprir coas esixencias de protección do ámbito, levouse a cabo mediante o rigor na volumetría e unha actualización dos elementos construtivos e materiais tradicionais: galería na planta superior, revoco branco con acentos de cor, madeira de iroko e tella curva cerámica.
As dúas casas funcionan como vivendas e acollen tamén parte da actividade do estudo de arquitectura.
Organízanse simetricamente respecto ao muro medianeiro común, ao que se adosa a escaleira, e desenvólvense en tres niveis. No primeiro nivel, correspondente ao acceso desde a Rúa Nova, sitúanse o vestíbulo, dúas estancias e un baño. O segundo nivel relaciónase co xardín situado na parte traseira da parcela e alberga o salón e a cociña, ademais dunha galería acristalada con vistas á ría. No terceiro nivel sitúanse outras dúas estancias e dous baños. A escaleira adapta o seu deseño ás necesidades específicas de cada planta.
No primeiro nivel, a escaleira é maciza e está executada en madeira de carballo, permitindo incorporar un amplo armario baixo ela. Pola contra, no segundo nivel recibe un tratamento escultórico mediante pezas metálicas pintadas de branco, conseguindo unha maior lixeireza e transparencia.
Ambas as vivendas ábrense pola fachada dianteira ás impresionantes vistas da ría. Pola parte traseira conéctanse, a través dunha terraza de madeira de iroko, cun xardín composto por diferentes especies botánicas autóctonas. O peche perimetral, tamén de lamas de iroko, permite manter as vistas frontais cara á paisaxe ao tempo que protexe as vistas laterais. Ao outro lado da rúa, unhas discretas escaleiras, cun trazado característico de Redes, permiten descender ata un pequeno embarcadoiro.






Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou os identificadores únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a certas características e funcións.