Ampliación dun edificio modernista para aulario en Sada

Díaz & Díaz Arquitectos - Edificio modernista para aulario en Sada

O obxectivo do proxecto era ampliar o centro existente, desenvolvido en planta soto, baixa e primeira, e mellorar a percepción visual do edificio histórico e do espazo exterior da zona de xogo do CEIP de Sada e os seus Contornos.

O desenvolvemento da intervención exponse en dúas fases. Nunha primeira fase procédese á retirada do pavillón provisional de madeira que albergaba o ximnasio e á escavación do terreo situado na parte posterior do edificio existente, onde se implanta o novo edificio destinado a aulario. Nunha segunda fase retíranse os módulos prefabricados que albergaban as aulas de educación infantil e énchese e regularízase o terreo co obxectivo de situar a totalidade do patio a unha mesma cota. Esta actuación permite mellorar as condicións do espazo de recreo e xerar un basamento continuo e claramente definido sobre o que se apoia o edificio protexido, reforzando a súa implantación e a súa relación coa contorna.

A principal premisa do programa consiste en recolocar as aulas situadas nos módulos prefabricados, facendo posible a retirada destes e do pavillón provisional de madeira situado no patio leste.

A ampliación do edificio existente exponse mediante un novo volume anexo, parcialmente soterrado, situado na fronte leste do edificio histórico. O novo volume sepárase do existente para evitar interferencias co ámbito de afección da súa cimentación.

A súa implantación concíbese como un basamento do edificio histórico, poñendo en valor a súa presenza e xerando unha nova base sobre a que este se apoia.

Na planta baixa do edificio existente refórmase o acceso ás escaleiras que conducen á planta soto, mediante a demolición dos tabiques existentes e a apertura deste ámbito cara ao vestíbulo de entrada. Na planta soto refórmase a conexión entre o edificio existente e a nova ampliación mediante a demolición da zona de aseos existente. No seu lugar, dispóñense dous aseos independentes articulados mediante un vestíbulo que conecta a escaleira procedente da planta baixa co acceso ao novo edificio.

Na fronte orientada cara ao paseo marítimo exponse unha fachada parcialmente oculta tras o manto vexetal existente. A intervención introduce unha “fenda” horizontal que permite a entrada de luz natural e favorece a ventilación das aulas. Este elemento construtivo desenvólvese dentro do ámbito de voo establecido polo planeamento.

LOCALIZACIÓN

Sada, A Coruña

CLIENTE

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xunta De Galicia

ANO

2015

ARQUITECTOS

Díaz & Díaz Arquitectos

CONSTRUTORA

Obras y Servicios Gómez Crespo