
O edificio de Control CCS do Porto Exterior de Ferrol, realizado en colaboración con Antonio Desmonts Sierra, sitúase sobre o martelo do dique, no medio do mar, e aberto ás impresionantes vistas da ría de Ares.
O CCS concibiuse desde o primeiro momento como un polo de atracción. O primeiro reto que asumiu o edificio foi de carácter paisaxístico. Para darlle resposta recorreuse a un repertorio formal baseado en volumes puros que, por unha banda, se integran na xeometría do propio dique e, por outra, remiten ás formas propias da construción naval.
A Autoridade Portuaria solicitaba un edificio versátil e moderno, que permitise cambios funcionais ao longo da súa vida útil e que se adaptase facilmente aos cambios tecnolóxicos que puidesen xurdir no futuro.
Con estas premisas, proxectouse unha estrutura de planta diáfana na que os piares se situaban no seu perímetro sen chegar a tocar a fachada, liberando toda a superficie para poder realizar calquera tipo de división e conseguir, ao mesmo tempo, unha circulación fluída. En canto ao volume que alberga esta estrutura, e co fin de adaptarse ao dique, dividiuse verticalmente en cinco niveis. Para unha maior protección, pensouse en concentrar as actividades no primeiro e segundo nivel, deixando a planta baixa para o acceso, as instalacións e os almacéns. O terceiro nivel e a cuberta destináronse a espazos desde os que é posible ter unha perspectiva xeral moi ampla da actividade portuaria, sempre a resgardo. Por último, proxectouse con elementos construtivos secos, que permiten realizar de forma doada e natural calquera cambio futuro.
O proxecto tiña que salvar unha dificultade técnica. Tratábase de asentar unha edificación na parte máis extrema dun dique artificial recentemente executado: as características xeolóxicas do terreo no que se realizou a cimentación supuxeron o primeiro problema. Así pois, resolveuse a cimentación mediante unha lousa monolítica de formigón armado, que permitía transmitir as tensións uniformemente. A situación do edificio fixo que tivese que superar probas rigorosas, non só de resistencia estrutural, senón tamén de durabilidade dos materiais.
Así pois, a dobre pel do edificio ten un papel fundamental na súa protección. A pel exterior concibiuse como un tamiz de lamas de aluminio anodizado, con inercia suficiente para absorber as solicitacións debidas aos axentes meteorolóxicos. A pel interior de vidro, con dobre acristalamento, realizouse con carpinterías de seccións de suficiente rixidez para resistir os esforzos. A cuberta dobre contiña unha primeira capa para soportar a carga da choiva e unha segunda, que ofrecía unha maior garantía, destinada a impermeabilizar, illar termicamente e evitar condensacións. Con todo iso, conseguiuse un illamento térmico e acústico orientado a mellorar a eficiencia enerxética.






Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou os identificadores únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a certas características e funcións.