
O edificio, resultado de gañar un concurso público convocado por EMVSA no ano 2013, ocupa o espazo do noiro en toda a súa altura, abrindo a súa fachada leste ás magníficas vistas da ría do Burgo. A escavación en rocha permitiu deixar o corte vertical e visto. O edificio non chega a tocar a rocha, creando un espazo baleiro que contribúe á ventilación natural do aparcadoiro.
A planta superior, que funciona tamén como cuberta, sitúase á cota do tramo superior do vial, mentres que a planta inferior se atopa á cota do tramo inferior.
Reaxustáronse as conexións coa rede viaria circundante, racionalizándoas para mellorar a seguridade e a comodidade do tráfico mediante a disposición de carrís de deceleración e espera.
A contorna acondicionouse a partir da implantación do novo aparcadoiro, proporcionando percorridos peonís seguros e atractivos ata os dous centros sanitarios e permitindo unha cómoda comunicación entre ambos.
O núcleo sur de escaleira e ascensor, que funciona tamén como miradoiro, intégrase como espazo público. Este completa e dota de condicións de accesibilidade e seguridade os percorridos de tránsito peonil da zona. O novo edificio non só resolve as necesidades de aparcadoiro, senón que mellora substancialmente a mobilidade urbana. Convértese nunha peza de sutura entre dous ámbitos, resolvendo os problemas de comunicación existentes.
O acceso peonil desde o Centro Oncolóxico realízase a través dunha nova praza pública, que comunica coa planta superior e dá acceso directo á escaleira e ao ascensor do núcleo sur.
O acceso peonil ao Hospital Materno Infantil realízase agora desde a planta 2 do mesmo núcleo, a través dunha pasarela que, salvando o vial de acceso, conecta co paso elevado sobre a Avenida do Pasaxe.
A comunicación entre os núcleos verticais e o aparcadoiro realízase mediante pasarelas que atravesan os patios abertos e que funcionan, á súa vez, como miradoiros sobre a ría.
A fachada define a volumetría e a funcionalidade do edificio e, ao mesmo tempo, procura a súa integración visual no noiro. As dúas plantas inferiores de aparcadoiro, que absorben a inclinación do vial, trátanse como un zócolo, cun cerramento a base de paneis prefabricados de formigón cun acabado superficial acanalado. Para o resto da fachada dispóñense celosías lixeiras que permiten gozar da paisaxe e tamizan as vistas desde o exterior cara ao interior, ocultando os vehículos e mantendo as condicións de ventilación natural.
A celosía principal componse de perfís tubulares de sección rectangular, de aluminio lacado en diferentes cores, dispostos en sentido vertical, de forxado a forxado. Para as celosías e varandas das zonas de pasarelas, ramplas, escaleiras e terrazas emprégase tramex de aceiro galvanizado. En ambos os casos, proporciónase á fachada a protección axeitada fronte ao ambiente mariño.
A proposta para o concurso público, que deu resposta a un orzamento reducido nunha etapa de crise, acada unha calidade arquitectónica apoiada na racionalidade, na funcionalidade, na coidada elección dos materiais, na harmonía volumétrica e na vontade de rexeneración ambiental.






Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou os identificadores únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a certas características e funcións.