
A vivenda implántase nunha parcela rodeada por dous viarios, un principal e outro secundario. Co obxectivo de aumentar a privacidade, proponse situar a fachada curta —destinada ao garaxe— cara ao vial principal, e a fachada longa —onde se localizan as estancias de día— cara ao secundario.
A vivenda oriéntase de tal maneira que aparece “pechada” cara ao exterior, mentres que cara ao interior se abre por completo mediante cerramentos transparentes. A súa xeometría en forma de U abraza o xardín privado. Esta disposición non só permite contemplar o xardín desde practicamente calquera punto da vivenda, senón que tamén favorece a entrada de luz natural e calor ao interior.
O xardín privado deseñouse de maneira que constitúe unha barreira vexetal, evitando as visuais directas desde as vivendas veciñas.
O acceso principal á vivenda concíbese como unha “fenda” que se abre no seu “escudo” exterior. Deste xeito, refórzase a sensación de privacidade e acceso controlado: a vivenda mantén o seu carácter reservado cara ao exterior e só revela o seu interior a quen accede a ela.
Como un barco que foxe do mal tempo, a vivenda dá as costas aos ventos do norte e ábrese cara ao sur soleado.
Un dos obxectivos do proxecto foi que a casa se percibise “abrazada” polo bosque existente nas proximidades da parcela. Por este motivo, desenvólvese integramente en planta baixa, evitando superar a altura das árbores e permitindo que a vivenda quede resgardada dentro desta contorna arborada.









Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou os identificadores únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a certas características e funcións.