O novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria construirase en Ferrol, na avenida de Esteiro, e servirá para ampliar o campus universitario e potenciar as súas capacidades de investigación.
A proposta busca abrir o Campus de Ferrol á cidade, concibindo o edificio como unha porta de entrada ao campus que dá continuidade ao espazo urbano no seu interior. A peza central que vertebra o edificio é unha gran caixa de cristal que funciona como atrio. Un prisma adaptado á parcela cun soportal na planta baixa que establece unha continuidade co resto das edificacións da avenida de Esteiro.
O edificio, de 11.670 m² de superficie construída, estrutúrase en dous sotos destinados a aparcadoiros e almacéns, unha planta baixa na que se sitúan o atrio, a recepción, o auditorio e outras dependencias, e seis plantas superiores destinadas a laboratorios, despachos colaborativos, salas comúns e outras instalacións.
